- O Conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou onte no Porriño que o acordo co Clúster del Granito e o Centro Tecnolóxico establece os criterios de calidade técnica e de promoción comercial do produto
- Sinalou que supón para o sector dar un salto cualitativo que completa a adhesión realizada o ano pasado a Galicia Calidade e as iniciativas para facilitar a obtención da etiqueta ecolóxica da Unión Europea (Ecolabel) e para establecer os criterios para a recuperación das explotacións a ceo aberto
- A industria galega do granito, que aumentou a súa facturación nun 15% e as exportacións nun 9%, é a segunda potencia europea e a quinta do mundo
- Conde animou a esta industria a continuar cos procesos de innovación para favorecer a súa apertura cara novos mercados
A Consellería de Economía, Emprego e Industria asinou onte coa Fundación Centro Tecnolóxico do Granito de Galicia (FCTGG) e o Clúster del Granito un convenio de colaboración para a creación do proxecto técnico da Marca do Sector do Granito de Galicia.
Creación do proxecto técnico da marca do sector do granito de Galicia.
O obxectivo principal deste proxecto é a elaboración de parámetros técnicos obxectivables e procedementos baseados nun conxunto de criterios de calidade técnica e de competitividade comercial para a diferenciación nos mercados nacionais e internacionais da oferta galega de materiais extraídos e/ou elaborados en Galicia.
Beneficios para o sector
As empresas poderán apoiarse nunha Marca validada por un goberno e as súas institucións a través de Galicia Calidade e as súas regras.
Asemade poderán mellorar a actividade comercial e de posicionamento das empresas e a súa oferta, mediante a diferenciación de materiais competidores, xeralmente estranxeiros, que compiten no mercado.
A Marca tamén servirá para diferenciar materiais artificiais (compactos de cuarzo ou cerámicos) e de imitacións, mantendo e potenciando o prestixio do produto galego.
Co respaldo de Galicia Calidade
Este convenio ven a ratificar o acordo alcanzado con Galicia Calidade para a adhesión á marca de Galicia Calidade e/ou Galicia Quality das empresas do sector en Galicia que cumpran cos requisitos técnicos (obxecto deste convenio) establecidos pola Marca do sector do granito.
A FCTGG é a entidade especializada do sector do granito
A FCTGG é unha entidade especializada no fomento da investigación científica e o desenvolvemento tecnolóxico de procesos e produtos e servizos de control de calidade e a asistencia tecnolóxica.
O Centro Tecnolóxico do Granito está integrado na cadea de valor que agrupa o Cluster del Granito.
É un feito constatable a necesidade de mellorar a posición competitiva dos materiais extraídos ou elaborados en Galicia a través de políticas de calidade, innovación e competitividade que sexan percibidas e valoradas polos mercados domésticos e internacionais.
Por elo, a Consellería de Economía, Emprego e Industria e o sector graniteiro, teñen como interese común coincidente desenvolver actuacións e proxectos que potencien a actividade do sector.
Galicia: unha potencia mundial no sector da pedra
Galicia é a rexión española con maiores recursos en canto materias primas, variedade de produtos e tradición na explotación e tratamento da pedra natural. Concretamente, a industria graniteira galega é, despois da italiana, a máis importante de Europa e a quinta do mundo.
A industria da pedra en xeral baseou a súa vantaxe competitiva, nos últimos anos, nuns custos de produción inferiores e unha produtividade superior ós seus competidores principais, así como por desenvolvementos tecnolóxicos e a automatización dos seus procesos produtivos.Dita vantaxe competitiva veuse fortemente ameazada pola dinámica actual do sector, caracterizado por ser un sector cun compoñente de internacionalización moi alto. Polo que é necesario incrementar de xeito continuado a competitividade das súas empresas.
Neste contexto enmárcase a colaboración entre o sector e a Xunta orientada a fortalecer as vantaxes competitivas do sector no mundo.
Mais información aquí.